lunes, 7 de julio de 2008

Apéndice: ¿Pode E.T. "mosquearse"...?


Non fai falta presentar a este personaxe, ¿ou? Pero estaredes vendo a súa presenza neste blog con certa incredulidade. Claro. de aí o título desta entrada... "extra".
Da famosa película de Spielberg moito se dixo. Por exemplo, que era un film de contido relixioso encuberto: a nai de Eliot chámase María, E.T. chega do ceo e volve ao ceo despois de resucitar, a súa nave debuxa ao final un arco iris que remite talvez á historia de Noé, hai unha escena na que os tres rapaces teñen unha ventá en forma de estrela detrás deles mentres están de xeonllos ante E.T. , éste aparece cun corazón vermello e unha sábana branca no parque infantil cando sae da furgoneta, e así... E claro que por aí alguén pode buscar unha relación, parecido ou vículo coa obra de Golding, o mito, a simboloxía, etc. Tamén se dixo -en realidade foi o propio Spielberg quen o dixo- que a historia da película esconde outra historia non tan evidente e máis de fondo: a ausencia do pai na casa de Eliot, a separación dos pais de Eliot, ou sexa, dos pais de Spielberg. E iso remtenos por unha parte a detalles como a entrada dos científicos na casa da familia, o ambiguo papel de Keys -Peter Coyote- na historia, os nenos falando do olor da colonia do pai na camisa vella tirada no garaxe, o comentario de Eliot de que o pai si o crería e falaría diso con el... se non estivera en México coa noiva, etc. E pola outra, remítenos as teses de Piglia que podes ler
no outro blog dedicado a Salinger, na entrada do 24 de xuño de 2008, titulada "Nove para Jerry...", as dúas historias, etc.
Pero non pretendemos buscar vínculos agora con Golding nin polo camiño da suposta carga mítica ou relixiosa, nin polo das dúas historias das que fala Piglia. Queremos más ben sinalar a aparente contraposición entre a besta de Golding de "Lord of the Flies" e o "bo monstruo" de Spielberg... Poderíamos a continuación enumerar unha serie de elementos ou detalles que apoien esta hipótese, pero é que diso trátase o xogo, que non podemos facer por ti: ¿hai base para esta hipotese? Se cres que pode habela, ¿onde está a proba? ¿Na relación dos nenos coa besta e co extraterrestre? ¿Na forza que emana desta/deste? ¿Pode ou non pode ter E.T. a "mosca" detrás da orella -deixando agora de lado o pequeno detalle de que E.T. non ten orellas-?
Queda a pelota no voso tellado. Boa caza.

domingo, 18 de mayo de 2008

This is the end, beautiful friend / This is the end, my only friend...



Un libro chama a outro libro:

- William Golding, "Los herederos", Ediciones Minotauro.
Novela de 1955 na que WG leva o tema de "Lord of the Flies" á prehistoria. O encontro -encontronazo, máis ben- do home de Neandertal co Homo Sapiens Sapiens tal e como o noso autor o describe non deixa precisamente en bo lugar a este último, que demostrará ser máis salvaxe e cruel que aquél.

- William Golding, "¿Qué convierte a los niños en salvajes?", artigo de opinión publicado orixinalmente no "Daily Mail", e traducido en España no diario "El Mundo", 20/2/1993.

- "Muere el señor de las moscas", artigo publicado en "El Mundo", 21/6/1993. Na mesma páxina, dous artigos de opinión: "Profeta de la crueldad", de Jesús Pardo, e "Un pesimista con talento", de Javier Alfaya. (Estes tres artigos, e o anterior, do propio Golding, foron repartidos na última reunión dedicada a "El Señor...", fotocopiados).

- R. M. Ballantyne, "La isla del Coral", Espasa-Calpe.
Para saber máis desta novela, ver entradas anteriores.

- Joseph Conrad," O corazón da escuridade", E. Positivas.
- Joseph Conrad, "El corazón de las tinieblas", Alianza editorial.
Desta obra conradiana xa falamos días atrás. Ver entrada correspondente.

- R. L. Stevenson, "Dr. Jekyll e Mr. Hyde", Xerais.
- R. L. Stevenson, "Dr. Jekyll y Mr. Hyde", varias edicións.


Un libro pode levar tamén a unha película (ou viceversa):

- Director: Peter Brook, "Lord of the Flies" ("El Señor de las Moscas"), 1963. Hai DVD.
Particular versión de Brook da novela de WG. Xa falamos desta película noutra entrada deste blog.

- Director: F. F. Coppola, "Apocalypse now!", 1979. Hai DVD.
Versión libre da novela de Conrad "O corazón da escuridade", ambientada na guerra de Vietnam. Tamén falamos desta película anteriormente.


"... This is the end."

¿Nessie?


Parece ser que "William Golding destaca también por ser uno de los mayores defensores de la existencia del monstruo del lago Ness y escribe numerosos artículos sobre la supuesta criatura en la revista `Popular Science´." Isto é alomenos o que podemos ler na Wikipedia, baixo o título de "Curiosidades"...
Pero, ¿é realmente así como debemos velo, como unha simple "curiosidade"? ¿É pura anécdota, nel, que se ben non chegou ata o final, comezou sen embargo estudos de ciencias naturais na universidade? ¿Nel, amigo do científico J. Lovelock, famoso pola súa teoría de Gaia, nome -o de "Gaia"- que adoptará Lovelock a proposta do propio Golding? ¿Ou deberíamos talvez ir máis alá -si, unha vez máis...- e tratar de buscar unha posible relación entre a besta/fera da novela que nos ocupa, tantas veces vinculada nela co mar/océano, e o monstruo (besta, fera) do lago Ness(que non é mar, desde logo, pero si auga)...?
Só é unha idea...

lunes, 12 de mayo de 2008

"Lord of the Flies", the movie


Hai dúas versións cinematográficas da obra de Golding. A segunda en realidade é unha producción televisiva estadounidense, de 1990, en cor, de resultados non moi logrados, e por debaixo da que nos interesa falar, que é anterior. No ano 1963, o británico Peter Brook (n. 1925), home de teatro , cine e ópera, dirixe unha versión de "Lord of the Flies" na que combina a historia que xa coñecemos con esceas da Alemaña nazi, indo polo tanto máis alá das páxinas da novela. Destaca a fotografía en branco e negro de Tom Hollyman, así como os nenos , que non son actores profesionais -só un deles chegaría co tempo a selo-. O de Brook foi un proxecto de baixo presuposto, filmado en Costa Rica . É notable a influenza do cine francés da época (Nouvelle Vague), por exemplo na característica filmación de certas esceas "cámara en man".
Propoñemos a visión deste film, vista xa a novela, co fin de comentala despois ou deixar aquí algunha nota escrita, ou ambas cousas... A ccopia da película irémono-la pasando de modo que cada quen a vexa pola súa conta -se quere facelo, claro é- no momento que lle sexa posible, na súa casa...

martes, 6 de mayo de 2008

Tristes tópicos


Cuncha, mar, lagoa, fera, fogueira, tebras, asemblea, bosque, paos, adultos, danza, xabaril, noite, océano, besta, rostros pintados, lume, mar, anteollos, verea, espellismos, escuridade, salvaxes, mar, moscas, besta, caza, mato, casa, sombras, mar, fogueira, pedras, fera, mar, océano, besta...
Mar...

lunes, 28 de abril de 2008

Simon & Roger

Ralph, Jack e Piggy son desde logo personaxes de primeira importancia, claro. Pero Simon por un lado, e Roger polo outro, son tamén imprescindibles para o seguimento da historia. Ambos son, cada un á súa maneira, extraños caracteres. Merece a pena ter en conta, pensamos, a evolución de cada un ao longo da novela:
a) Simon; serie de esceas (páxinas): 89-93; 148-150; 186-7; 216-7; 223-4; 232-3; 241-243; 244-248; 257-260.
b) Roger; serie de esceas (páxinas): 98-102; 267-269; 294-296; 302-304; 306.
A nosa idea -esperamos que non demasiado mala- é que unha relectura destas dúas series axudará talvez a comprender mellor o modo de ser e a evolución de ambos rapaces e, por conseguinte, a ler a novela máis en profundidade... Os diálogos de Simon co Señor das Moscas non teñen desperdicio, e a relación de Roger coas pedras tampouco carece de interese...

(Nota: As páxinas, claro é, correspóndense coa edición especial en Alianza Editorial do ano 2006, en tapas duras, na colección "El libro de bolsillo 1966-2006", que comemoraba os corenta anos da colección orixinal. Esa edición especial é a que utilizamos neste club de lectura. Pode ser que a numeración das páxinas sexa distinta en outras edicións de "El libro de bolsillo" de Alianza).

domingo, 27 de abril de 2008

R. Ballantyne e J. Conrad no Cap. 12 e último de "Lord of the Flies"



Na penúltima páxina da novela podemos ler:
"El oficial asintió amablemente.
- Ya sé. Como buenos ingleses. Como en la Isla del Coral.
Ralph le miró sin decir nada. Por un momento volvió a sentir el extraño encanto de las playas."
Ben. En realidade, ¿que é iso da Illa do Coral e a que ven aquí? R. Ballantyne (1825-1894) é un escritor e viaxeiro escocés que en 1858 publica a novela "A Illa do Coral", uns cen anos antes da edición de "Lord of the Flies". É a historia de tres rapaces británcos que acaban nunha illa deserta debido a un naufraxio. Un deles chámase Ralph e ten quince anos, outro Jack, de dezaoito, e outro Peterskin. Crean unha sociedade idílica, fan lume con dous paos, etc., moi na liña de "Robinson Crusoe". Loitan con piratas e viven outras aventuras, para finalmene voltar á civilización os tres, máis maduros e prudentes. Os parecidos coa historia de Golding son obvios, pero tamén é certo que hai unha evidente ironía en Golding ao xogar cos mesmos nomes e unha aparente circunstancia similar... que sabemos que non o é. Se temos en conta eses aparentes puntos comúns e esa buscada ironía, as palabras do oficial enténdense doutro xeito e a nosa lectura da escea cambia e resulta enriquecida. (Parece ser que a novela de Ballantyne influíu tamén en Robert L. Stevenson -"A illa do tesouro"-, e en J.M. Barrie -"Peter Pan"-).
Pero é que na última páxina hai outra velada referencia bibliográfica, ou alomenos iso pensamos:
"Ralph lloró por la pérdida de la inocencia, las tinieblas del corazón y la caída al vacío de aquel verdadero y sabio amigo llamado Piggy."
En realidade a expresión "tinieblas del corazón" xa aparecera máis atrás nesta novela... "Heart of Darkness" é unha novela do polaco-británico Joseph Conrad (1857-1924) escrita entre 1898 e 1899, traducida ao castelán como "El corazón de las tinieblas" e ao galego como "O corazón da escuridade". Nela o personaxe Kurtz vive na selva africana experiencias non iguais, pero si compara-
bles ás dos nenos da obra de Golding, polo que ver nesta páxina do final unha referencia a Conrad non carece de base, na nosa opinión, e axuda, unha vez máis, a unha máis profunda comprensión da obra. (Posteriormente, no ano 1979, o director de cine Coppola presentou ao público a súa película ambientada na guerra do Vietnam "Apocalypse now", que pretende ser unha versión de "Heart of Darkness", con Marlon Brando facendo de Kurtz na selva non africana, senón asiática. Levar ao cine esa novela conradiana era un vello proxecto do cineasta Orson Welles que nunca chegou a ver a luz, moi ao seu pesar...).