domingo, 27 de abril de 2008

R. Ballantyne e J. Conrad no Cap. 12 e último de "Lord of the Flies"



Na penúltima páxina da novela podemos ler:
"El oficial asintió amablemente.
- Ya sé. Como buenos ingleses. Como en la Isla del Coral.
Ralph le miró sin decir nada. Por un momento volvió a sentir el extraño encanto de las playas."
Ben. En realidade, ¿que é iso da Illa do Coral e a que ven aquí? R. Ballantyne (1825-1894) é un escritor e viaxeiro escocés que en 1858 publica a novela "A Illa do Coral", uns cen anos antes da edición de "Lord of the Flies". É a historia de tres rapaces británcos que acaban nunha illa deserta debido a un naufraxio. Un deles chámase Ralph e ten quince anos, outro Jack, de dezaoito, e outro Peterskin. Crean unha sociedade idílica, fan lume con dous paos, etc., moi na liña de "Robinson Crusoe". Loitan con piratas e viven outras aventuras, para finalmene voltar á civilización os tres, máis maduros e prudentes. Os parecidos coa historia de Golding son obvios, pero tamén é certo que hai unha evidente ironía en Golding ao xogar cos mesmos nomes e unha aparente circunstancia similar... que sabemos que non o é. Se temos en conta eses aparentes puntos comúns e esa buscada ironía, as palabras do oficial enténdense doutro xeito e a nosa lectura da escea cambia e resulta enriquecida. (Parece ser que a novela de Ballantyne influíu tamén en Robert L. Stevenson -"A illa do tesouro"-, e en J.M. Barrie -"Peter Pan"-).
Pero é que na última páxina hai outra velada referencia bibliográfica, ou alomenos iso pensamos:
"Ralph lloró por la pérdida de la inocencia, las tinieblas del corazón y la caída al vacío de aquel verdadero y sabio amigo llamado Piggy."
En realidade a expresión "tinieblas del corazón" xa aparecera máis atrás nesta novela... "Heart of Darkness" é unha novela do polaco-británico Joseph Conrad (1857-1924) escrita entre 1898 e 1899, traducida ao castelán como "El corazón de las tinieblas" e ao galego como "O corazón da escuridade". Nela o personaxe Kurtz vive na selva africana experiencias non iguais, pero si compara-
bles ás dos nenos da obra de Golding, polo que ver nesta páxina do final unha referencia a Conrad non carece de base, na nosa opinión, e axuda, unha vez máis, a unha máis profunda comprensión da obra. (Posteriormente, no ano 1979, o director de cine Coppola presentou ao público a súa película ambientada na guerra do Vietnam "Apocalypse now", que pretende ser unha versión de "Heart of Darkness", con Marlon Brando facendo de Kurtz na selva non africana, senón asiática. Levar ao cine esa novela conradiana era un vello proxecto do cineasta Orson Welles que nunca chegou a ver a luz, moi ao seu pesar...).

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Parece que os nenos comportáronse un pouco diferente do que se entende por "bós ingleses como os da illa do Coral".

Se ben as dúas historias son similares nas circunstancias iniciais, veñen a diferenciarse totalmente tanto na trama principal como no desenlace. Exceptuando o feito de que os protagonistas vólvense, tras a súa aventura, máis maduros e prudentes.
No caso dos nenos de Golding, un proceso de maduración bastante acelerado e cruel.

Persoalmente encontro a obra de Ballentyne bastante máis fantástica e inverosímil ca de Golding.
Iso de que un par de mozos, sós nunha illa deserta, creen unha sociedade idílica e vivan entrepidantes e seguramente moi divertidas aventuras, paréceme demasiado bonito para ser verdade.

É posible que Golding pensara algo parecido, chegando este máis lonxe ó crear unha versión quizáis horriblemente máis realista.

Biblioafonso dijo...

Si. Parece como se Golding quixera darlle a volta á historia de Ballantyne como a un calcetín, ¿non?
E sen embargo, a verdade é que a intención de Ballantyne era, probablemente, distinta á de Golding... E supoño que a semioculta referencia de Golding á novela de Ballantyne non deixa de ser unha homenaxe... Chea de ironía, concedido...
¿E de Conrad, que me dis? Tes un vídeo da película de Coppola na entrada número oito deste blog: "This is the end..."

Anónimo dijo...

"A illa do coral" e "O señor das moscas" buscan cousas diferentes, Ballantyne é posible que buscase coa súa obra simplemente entreter, divertir con algo ameno, algo que non é real, trasladar a vida a unha illa deserta e vivir felizmente ali é unha utopía.

Sen embargo, a obra de Golding, como ben dí o anónimo, reflicte máis a realidade. Pode que collese a obra de Ballantyne e, dalgunha maneira a "parodiase", non para crear unha obra para entreter ao lector unicamente, se non para plantexar unha situacion que lle permitise expoñer as súas ideas, que nos permitise chegar á conclusión de que o perfecto ciudadán (simbolizado aquí como o perfecto home inglés) ten unha natureza que non pode eludir, que non todo é perfecto, e que o home ten moitos fallos como para lograr unha sociedade perfecta incluso con un número de habitantes moi pequeno como ocorre na illa cos nenos.