lunes, 7 de julio de 2008

Apéndice: ¿Pode E.T. "mosquearse"...?


Non fai falta presentar a este personaxe, ¿ou? Pero estaredes vendo a súa presenza neste blog con certa incredulidade. Claro. de aí o título desta entrada... "extra".
Da famosa película de Spielberg moito se dixo. Por exemplo, que era un film de contido relixioso encuberto: a nai de Eliot chámase María, E.T. chega do ceo e volve ao ceo despois de resucitar, a súa nave debuxa ao final un arco iris que remite talvez á historia de Noé, hai unha escena na que os tres rapaces teñen unha ventá en forma de estrela detrás deles mentres están de xeonllos ante E.T. , éste aparece cun corazón vermello e unha sábana branca no parque infantil cando sae da furgoneta, e así... E claro que por aí alguén pode buscar unha relación, parecido ou vículo coa obra de Golding, o mito, a simboloxía, etc. Tamén se dixo -en realidade foi o propio Spielberg quen o dixo- que a historia da película esconde outra historia non tan evidente e máis de fondo: a ausencia do pai na casa de Eliot, a separación dos pais de Eliot, ou sexa, dos pais de Spielberg. E iso remtenos por unha parte a detalles como a entrada dos científicos na casa da familia, o ambiguo papel de Keys -Peter Coyote- na historia, os nenos falando do olor da colonia do pai na camisa vella tirada no garaxe, o comentario de Eliot de que o pai si o crería e falaría diso con el... se non estivera en México coa noiva, etc. E pola outra, remítenos as teses de Piglia que podes ler
no outro blog dedicado a Salinger, na entrada do 24 de xuño de 2008, titulada "Nove para Jerry...", as dúas historias, etc.
Pero non pretendemos buscar vínculos agora con Golding nin polo camiño da suposta carga mítica ou relixiosa, nin polo das dúas historias das que fala Piglia. Queremos más ben sinalar a aparente contraposición entre a besta de Golding de "Lord of the Flies" e o "bo monstruo" de Spielberg... Poderíamos a continuación enumerar unha serie de elementos ou detalles que apoien esta hipótese, pero é que diso trátase o xogo, que non podemos facer por ti: ¿hai base para esta hipotese? Se cres que pode habela, ¿onde está a proba? ¿Na relación dos nenos coa besta e co extraterrestre? ¿Na forza que emana desta/deste? ¿Pode ou non pode ter E.T. a "mosca" detrás da orella -deixando agora de lado o pequeno detalle de que E.T. non ten orellas-?
Queda a pelota no voso tellado. Boa caza.